ANDREW COMBS

Delicatessen musical a que inclé este Outono Códax 2019 con Andrew Combs. E é así porque Combs (Dallas, 1986) está considerado pola crítica norteamericana (Rolling Stone, NPR,…) como un dos novos artistas de Nashville máis poéticos e dotados. Combs comezou a captar a atención nacional co lanzamento en 2012 do seu aclamado debut Worried Man, disco que recibiu tratamento de reedición de luxo e impulsou á American
Songwriter a definilo como un traballo dificilmente superable nese ano. Combs publicou en 2015 o igualmente popular All These Dreams e asinou en 2017 con New West Records para a produción do seu terceiro álbum Canyons of my mind, traballo que acumulou máis de 15 millóns de reproducións en Spotify e que provocou a súa consolidación como un dos novos cantautores norteamericanos máis notables.

Ao Outono Códax chega para presentar o seu último disco Ideal Man, gravado nesta ocasión con Jupiter Recordings en Brooklyn (NY) e no que Combs amosa a súa versatilidade deixando a un lado o seu característico son acústico en favor dos sintetizadores atmosféricos e as guitarras eléctricas distorsionadas, con influencias do rock psicodélico, o soul e o funk clásicos ou o rhythm&blues. O cantautor traballou este álbum co mesmo enfoque co que pinta (afección que emprendeu cando a súa muller quedou embarazada en 2017): comezando as cancións cunha emoción en lugar dun concepto e tratando as ideas líricas e melódicas como materia prima que podería superpoñerse en calquera momento (como curiosidade do proceso creativo, cómpre salientar que cando escoitou as gravacións rematadas, as cancións suxeríronlle á súa vez lenzos completos, polo que Combs realizou unha serie de pinturas ao óleo deseñadas para acompañar cada canción do álbum).