AUTOMATIC CITY

Son catro; son blues; son psicodelia; son raíz; son futuristas; son portentosos; son xenuínos. Son…únicos. E a do Outono Códax Festival será a súa primeira actuación en España.

Os de Automatic City tamén son franceses (de Lyon), pero ben poderían ter saído dunha pirámide exipcia, ou dun pantano de Luisiana, ou da lámpada de Aladino ou, para que enganarnos, mesmo dunha nave espacial. Comezaron tocando versións de blues para ir desenvolvendo un son tan propio como abraiante, electrificando o blues clásico dos anos 50 e 60 ata a experimentación: un blues emocionante, máxico, impuro, contaminado, sucio, sexy, tan innovador como liberador (e liberado).

Así que, porque non hai só blues na vida (aínda que non hai vida sen blues, como eles mesmos din), os franceses cruzan liñas, límites e fronteiras incorporando ao seu xenuíno son o seu gusto polo exótico oriental, polo psicodélico, polas bandas sonoras de películas de ciencia ficción, polos ritmos africanos, polos latexos electrónicos. Escoitalos, velos, gozalos en directo é, por momentos, entrar nunha igrexa baptista do Mississippi; por outros, pasear polo Sáhara en camelo; en ocasións, sentirse secuestrados por un clan de extraterrestres.

Riman sempre con sorpresa e soan retro-futuristas, como unha viaxe actualizada á orixe do xénero: voces conmovedoras, ritmos orgánicos, sons crús, a raíz do blues e o rhythm and blues, redefinida con salvaxes guitarras eléctricas, percusións variadas, vellas caixas de ritmo, theremín ou sitar, botellas, latas,…

Todo axitado e húmido, vibrante e suxestivo. Como o propio blues, o auténtico blues.