ESPIÑO

Espiño é o proxecto en solitario de Alfonso Espiño, compostelán nado en 1976 e activo no mundo da música dende hai máis de 25 anos. En Espiño, Alfonso da abeiro á psiquedelia que sempre adorou, ao pop art, a certas pinceladas de rock progresivo e tamén a unhas pingas de folk. Fiel á súa concepción da música pop, a arela de Espiño é profundar no eido deste xénero dende unha actitude creativa, apostando pola produción propia e o idioma galego.

Baixista e vocalista en orixe, Alfonso Espiño fundou a banda pop Contrastes xunto cos irmáns Sende en 1991. Disolta esta en 2003, Alfonso pasou a integrarse coma vocalista en Mega Purple Sex Toy Kit, un quinteto hard-siquedélico que actuou nos festivais sixties/mod máis importantes da Península e parte do estranxeiro. Logo da experiencia acadada en Mega Purple, Alfonso convertiuse en 2009 no cantante de Los Chavales, un grupo santiagués especializado en recuperar o son “yeyé” dos conxuntos españois dos anos sesenta. Chavales percorreron un circuíto de directo similar ós seus predecesores MPSTK, chegando ademais a tocar en Portugal e a publicar varios discos.

Alfonso tamén forma parte de proxectos máis ou menos esporádicos coma o dúo acústico A Nice Pair (guitarra de doce cordas e voz) ou Los Fabulosos Weekend (baixo eléctrico e coros), co popular actor Manuel Manquiña, nacidos das cinsas do histórico conxunto Linces Pop, fundado en Santiago en 1967. En outubro de 2016, cando os Chavales decidiron tomarse unha tempada de descanso, o músico compostelán inaugurou unha nova etapa na súa andaina dando forma ao seu proxecto máis persoal, co que protagonizará unha das sesións out deste Outono Códax.