NIKKI LANE

Nikki Lane comezou a súa carreira musical en 2010 cando decidiu abandonar os seus estudos no seu Greenville natal (Carolina do Sur) para trasladarse ao este de Nashville (Tennessee) e comezar a traballar como deseñadora de roupa e, case por casualidade, a súa traxectoria musical, á que chegou compoñendo as súas primeiras cancións logo de rematar unha relación sentimental. Estes temas integraron o seu álbum de debut Walk of Shame (2011), traballo que espertou o interese de numerosos cazatalentos e que fraguou finalmente con New West Records, selo co que editou en 2014 o seu segundo disco All or Nothing, producido por Dan Auerbach de The Black Keys. E en 2017 chegou Highwar Queen, o seu terceiro traballo de estudo que a consagrou como Primeira Dama de Outlaw Country, alcume honorífico co que é recoñecido en Estados Unidos o seu inmenso talento, que tamén foi coroado pola Americana Music Association en 2015 cunha nominación a artista emerxente do ano e polos Ameripolitan Music Awards co premio Outlaw Country Female en 2017.

O son de Lane caracterízase pola facilidade que ten para mesturar diferentes estilos, nos que combina potentes letras con guitarras típicas do blues e o country pop dos 60. A norteamericana ultima agora o seu cuarto disco de estudio (previsto para primeiros de 2020), onde amosará todo o aprendido durante a súa estancia en Nashville, cidade que considera o seu fogar.

O novo traballo que prepara a primeira dama de Outlaw Country volve mesturar ritmos e estilos, con sons que, segundo avanzou, gustarán tanto aos fans de Lana del Rey ou Jenny Lewis, como aos seguidores máis clásicos de Neil Young ou Tom Petty. Pero antes, o público do Outono Códax terá a oportunidade de gozar dun dos seus únicos cinco concertos en España neste 2019.