THE REVEREND SHAWN AMOS

The Reverend Shawn Amos chega por primeira vez a Galicia no marco do festival co seu contundente e emocional directo, unha viaxe a tempos pretéritos, a unha tenda de campaña evanxélica chea de fe enerxética lista para converter aos máis obstinados coa mensaxe do “Reverendo”, cargado sempre dun blues fondamente alegre e de melodías que farán bailar a todas e todos os fans do Outono Códax.

Nado en Nova York, pero afincado nos Ánxeles, The Rev xurdiu nesta última cidade nos anos 70 seguindo a estela de lendas como Marvin Gaye e Quincy Jones, pero tamén de todo tipo de músicos da rúa. Fillo do axente musical e emprendedor Wally ‘Famous’ Amos e da cantante de rhythm&blues Shirleey May, Shawn atopouse pronto coa música e leva toda a vida traballando nela. A súa rica carreira tamén como produtor inclúe, por exemplo, distintas retrospectivas de mitos como Solomon Burke, John Lee Hooker ou Johny ‘Guitar’ Watson, e creou e produciu, entre outros, álbums de gran calado como o nominado aos Grammy “Rhapsodies in Black: Music and Words from the Harlem Renaissance”.

Como vocalista leva recollendo inmellorables críticas por todo o mundo grazas aos seus catro traballos de estudio, pero tamén aos seus inigualables concertos, onde nunha sempre impecable e elegante proposta, destila blues como principal ofrecemento, pero tamén soul e pop cos que o frontman fai as delicias do público. Segundo a crítica especializada, “un predicador do blues cunha voz sedutora e un xeito de tocar a harmónica que transforma a quen o escoita nun verdadeiro crente dende a primeira nota”.