Outono Códax Festival

Outono Códax Festival

Outono Códax Festival 2015

Exposición

Xa podedes ver en Santiago a exposición fotográfica do británico Lawrence Impey, retratista da escena musical dos anos 70

A mostra Signs of the Seventies inaugurouse en Numax coa presenza do seu propio autor e recolle, entre outros, algúns recoñecidos retratos de bandas como The Police ou de artistas como Debbie Harry, a vocalista de Blondie


 

Signs of the Seventies é o título da exposición que, no marco do Outono Códax Festival, ofrecerá en Santiago unha selección da obra fotográfica de Lawrence Impey, recoñecido retratista da escena musical dos anos 70.

O conxunto de fotografías que integran a selecta mostra –que foi inaugurada no espazo Numax, onde permanecerá aberta ata o 10 de outubro– data de inicios e mediados dos 70 e inclúe, entre outros, algúns dos retratos máis coñecidos de bandas como The Police ou de artistas como Debbie Harry, a admirada vocalista de Blondie, así como outros máis vinculados ao mundo da moda (ámbito no que Impey tamén desenvolveu a súa carreira profesional) e que, no seu conxunto, serven para ilustrar estes “signos dos anos 70”.

Lawrence Impey naceu en Bournemouth (Inglaterra) en outubro de 1951 e seis anos máis tarde mudouse coa súa familia a Lagos, Nixeria. Aos 17 anos trasládase a Londres e en 1971 regresa a Bournemouth para estudar Publicidade e Fotografía de Moda no  Poole Collage of Art. Logo dun tempo traballando nunha axencia publicitaria, incorpórase á industria musical como manager da banda británica Squeeze, producida entre outros por John Cale ou Elvis Costello. Como fotógrafo, Impey realizou, por citar algún exemplo, varias das fotografías do primeiro álbum de The Police e é autor da imaxe que ilustrou o primeiro single do mítico grupo liderado por Sting. Ademais, ten retratado a outros ilustres músicos, coma Rico Rodríguez, o mítico trombonista de The Specials (xunto a Madness, seguramente a principal banda de ska ata o momento), tristemente falecido a primeiros deste mes e que está sendo homenaxeado en Xapón, para cuxo evento estase a empregar a imaxe tomada por Impey.

Actualmente e á marxe da súa actividade no ámbito das tecnoloxías da información, Lawrence continúa hoxe en día coa fotografía, revelando persoalmente os seus propios negativos e realizando os seus propios proxectos.

A exposición de Lawrence Impey forma parte das actividades paralelas coas que celebramos este ano o V aniversario do Outono Códax.

CARTEL EXPOSICION

patrocinadores principais

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR