Outono Códax Festival

Outono Códax Festival

Outono Códax Festival 2015

Naomi Shelton & The Gospel Queens

NAOMI SHELTON
& THE GOSPEL QUEENS (USA)

Naomi Shelton é, hoxe por hoxe, unha das divas do soul internacional e peza clave do renacemento da música sureña estadounidense en Nova York. A súa non é só unha viaxe ao soul máis espiritual (provén do gospel e o rhythm&blues), senón tamén un percorrido lento e sorprendente cara un dos máis clamorosos éxitos da última década.

Ao igual que moitas e moitos cantantes de gospel e rhythm&blues, Naomi aprendeu a cantar xunto ás súas dúas irmás na mesma igrexa onde foi bautizada, inspirada nos grandes do gospel como Sam Cooke and the Soul Stirrers ou The Five Blind Boys of Alabama; máis tarde recollería as influencias de grandes do soul como Wilson Pickett, Sam & Dave ou Otis Redding. Logo de varios anos granxeándose unha sólida reputación nos principais clubs neoiorquinos, na década dos 60 alcanzou un relativo éxito con distintos temas (moitos deles admirados e pinchados posteriormente por recoñecidos DJ´s) que a levou a continuar a súa carreira ao longo das seguintes décadas cos seus espectáculos neoiorquinos.

Sen embargo, en 2009, Daptone Records, a produtora de referencia a nivel mundial na escena da música negra redescubre o seu incrible talento. Acompañada dun coro de excepción (The Gospel Queens: Bobbie Gant, Cynthia Langston e Edna Johnson) e unha incrible banda, entre cuxos integrantes atópase Fred Thomas, o histórico baixo de James Brown, Naomi reinicia unha carreira ata a data imparable. O seu primeiro disco What Have You Done, My Brother supuxo un bombazo no panorama internacional (mesmo a gran Sharon Jones contribuíu na súa gravación con coros adicionais).

 

 

 

 

A portentosa e areosa voz de Naomi, as tremendas harmonías instrumentais, a espiritualidade e, aínda á súa idade, a súa incrible capacidade para transmitir unha enerxía única sobre o escenario elevaron a Shelton ás alturas do xénero.

O seu segundo traballo, Cold World (2013), non fixo máis que consagrala. Calafrío na pel, concluíu unánime a crítica. Un proxecto a medio camiño entre o soul e o gospel, unha combinación máxica que non deixou indiferente ao público de medio mundo. Naomi soa en directo inimitable, auténtica, maxistral, por veces taxativa, por momentos suave. Imposible duplicala, imposible imitala. Os seus espectáculos son toda unha experiencia irrepetible para quen pode acudir a eles.

Dende entón, ademais das súas habituais sesións en Nova York, Naomi Shelton&The Gospel Queens non deixaron de xirar polos principais festivais de música negra do mundo e, agora, para honra do Outono Códax, aterra en España para deleitarnos con que será, seguro, un dos concertos máis recordados do festival.

 

 

patrocinadores principais

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR