THE SOUL JACKET (GALICIA)
The Soul Jacket é xa unha das bandas galegas con maior recoñecemento a nivel estatal e, si algo diferenza á formación viguesa da maioría dos seus coetáneos e colegas de profesión, é que non teñen reparo en afastarse da obviedade do rock’n roll para amosar todas as súas inquedanzas. A súa facilidade para incluír sons afrolatinos ou incluso algo de aquela psicodelia californiana de finais dos sesenta en temas que sobrepasan os 8 minutos é para a banda viguesa algo natural e ata necesario.
A finais do ano pasado estreaban o seu terceiro e esperado disco de estudio, ao que titularon Black Cotton Limited. De novo con Hendrik Röver aos controis da mesa de son, este traballo ofrece 15 cortes e presenta a uns The Soul Jacket que se deslizan libremente entre os estilos desa Norteamérica mítica que tan ben souberon absorber e incorporar a un rexistro propio, xa de por si rico en matices.
A banda comezou a súa andadura no ano 2004 e con este o seu terceiro álbum de estudio –ao que precederon Wood Mama en 2012 e Gunpowder Valley en 2013– superan xa os dez anos de carreira musical, unha traxectoria con lixeiros cambios de formación, pero que conserva a tres dos seus integrantes orixinais –Toño López á voz; Jann Zerega ao baixo e Mauro Comesaña á batería–, aos que se sumaron as guitarras de Jorge Mizer e Guillermo Gagliardi e, posteriormente, a sabedoría e o bo facer dun veterano teclista da escena viguesa como é Xabier Viéitez (Transilvanians, Foggy Mental Breakdown, etc.).
O bo sabor de boca que deixou Wood Mama tanto a público como á prensa especializada, é unha das razóns polas que a banda decidiu poñerse de novo nas mans de Hendrik Röver para dar forma aos temas deste novo traballo. Sen dúbida o músico cántabro, líder de Los Deltonos, coñece como ningún ese son puramente americano que se desprende da música de The Soul Jacket e que chega agora, por primeira vez, ao Outono Códax Festival.
