Outono Códax Festival

Outono Códax Festival

Outono Códax Festival 2015

Tommy Hunt (artista convidado)

TOMMY HUNT (USA)
(Artista convidado)
& THE NEW FLAMINGOS

Tommy Hunt é unha das lendas vivas do soul contemporáneo. Vocalista dos míticos The Flamingos, Hunt forma parte do selecto grupo de grandes artistas que deixan pegada na historia do xénero. Nacido como Charles James Hunt en Pittsburgh (Pennsylvania), os seus compañeiros de colexio non consideraron apropiado o nome de Charles polo que comezaron a chamalo Tommy, nome que o acompañou dende entón durante toda a súa vida.

Realizou o servizo militar na forza aérea norteamericana, pero cando lle chegou a nova de que a súa nai estaba falecendo, ausentouse sen permiso polo que tivo que permanecer en prisión por deserción. Logo da súa saída, regresou a Chicago para retomar a súa carreira musical xunto a Five Echoes, banda que formara previamente. Foi durante unha das actuacións do grupo que Zeke Carey, de The Flamingos, invitouno a unirse á que se convertería na lendaria banda vocal. Despois do servizo militar de varios dos seus integrantes (e xa con Tommy convertido nun dos grandes activos da formación), The Flamingos trasládanse a Nova York para iniciar a súa meteórica carreira.

Despois de varios hits nas listas norteamericanas, en 1958 o grupo obtén o éxito definitivo con I Only Have Eyes For You, tema co que lograron o recoñecemento mundial e que segue sendo hoxe en día unha das cancións máis populares do xénero, incorporada en centos de recompilatorios e nas bandas sonoras de moitos films.

Hunt abandonou o grupo dous anos despois para lanzar en solitario Parade of Broken Hearts, traballo que o consagrou individualmente e que o converteu nun dos habituis de The Apollo de Nova York, xunto a todos os grandes dos 60 como Marvin Gaye, Ray Charles, Diana Ross e The Supremes, Chuck Berry, The Shirelles, Dionne Warwik ou Sam&Dave, por citar só algúns. De feito, Tommy segue sendo o único artista que ten a súa foto enmarcada no vestíbulo da mítica sala neoiorquina (unha con The Flamingos e outra como cantante en solitario).

Aínda que co descenso da escena soul dos 70, Hunt sufriu ao igual que o resto dos seus compañeiros altibaixos na súa traxectoria, deu o salto a Europa e conseguiu manter a súa carreira con varios éxitos nesta década (como Crackin´Up ou Loving On The Losing Side).
Xa nos 80 o prestixioso Club Mirror Award concedeulle o premio ao mellor vocalista masculino do ano. O virtuoso cantante proseguiu cos seus espectáculos por todo o mundo e en 1996 chegou outro gran galardón: o Lifetime Achievement Award de The Rhythm and Blues Foundation pola contribución de The Flamingos á música contemporánea. A partir de aí os recoñecementos non deixaron de caer: The Vocal Group Hall of Fame (2000), The Doo-Woop Hall of Fame (2001) e, por fin, The Rock and Roll Hall of Fame of America (tamén en 2001), pola contribución de 30 anos de The Flamingos á historia da música.

Na actualidade, Tommy segue en activo, non só como invitado especial con The Flamingos, senón tamén como solista coas súas propias xiras. Ao Outono Códax acude como estrela convidada para ofrecer o mellor do seu repertorio, acompañado por The New Flamingos, formación integrada por algúns dos vocalistas de Velvet Candles, a banda que lle precederá na súa actuación do sábado 26 de setembro na Sala Capitol.

 

 

patrocinadores principais

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR